16.5.09

NO DÍA DAS NOSAS LETRAS

Esta semana celebramos no Edificio Multiusos de Redondela os Festivais de Infantil e Primaria. Vimos as actuacións do alumnado preparadas polo profesorado e tamén unha mostra do bo facer das monitoras das actividades extraescolares.
Coñecimos tamén, a través das imaxes e textos elaborados polos maiores, un pouco da vida de Ramón Piñeiro, figura clave do galeguismo no século XX.
Precisamente na véspera da data que lembra dun xeito especial ao noso idioma milenario, achegamos aquí un enlace no que a Real Academia Galega, institución creada en 1906 baixo a presidencia de Manuel Murguía, home de Rosalía de Castro, analiza a actual conxuntura arredor da nosa lingua.
E tamén achegamos un vídeo do que a coñecida presentadora do programa da Galega "O país dos pequenos", Belén Regueira, comentou cando recibíu o premio Mestre Mateo á mellor comunicadora do ano.
Que as dúas testemuñas nos permitan reflexionar sobre a importancia de coñecer a nosa lingua e moitas máis.

28.4.09

DÍA DO LIBRO




O pasado 23 de abril celebramos o día do Libro no colexio.
O día anterior visitaranos Chus Pereiro, que nos veu falar da súa obra ¡Mama- siña, que medo!
Esta obra vai ser represen- tada polos rapaces/as do obradoiro de teatro do colexio nos festivais das Letras Galegas dos días 15 e 16 de maio.

O día 23 fixemos dous actos adicados ao teatro. Neles os nenos e nenas fixeron pequenas representacións das cales vos ofrecemos varias imaxes.

20.4.09

A SEMANA DO LIBRO


Comezamos unha semana especial: a semana do libro. O xoves día 23 de abril realizaremos varios actos no colexio para lembrar esta data. Neste ano adicaremos os mesmos ao teatro. Primeiro o alumnado de Educación Infantil e máis tarde o alumnado de Primaria pasarán pola Biblioteca para realizar pequenas escenificacións, teatro lido, etc. Farase unha exposición de libros de teatro e tamén haberá actividades especiais organizadas polas mestras encargadas da Biblioteca.
O mércores 22 recibiremos no colexio á autora da obra teatral (Mamasiña, que medo!) que o alumnado do Obradoiro de Teatro vai representar no Festival das Letras Galegas: Chus Pereiro. Estará cos nenos e nenas de 4º, 5º e 6º.
Felices lecturas para todas e todos!

7.4.09

CAMPAMENTOS DA LANZADA 2009


A Deputación Provincial de Pontevedra convoca os Campamentos da Lanzada 2009 para nenos/as nados entre 1996 e 2001. As bases e follas de solicitude e inscrición aparecen na páxina da Deputación. Para máis información podédesvos dirixir ao Concello (servizos sociais) e ler atentamente as bases que aparecen na páxina web.

VIAXES REAIS E VIRTUAIS


Nestes días de lecer podemos aproveitar para facer viaxes reais ou virtuais. Dentro das primeiras temos infinidade de lugares que percorrer, ben lonxe ou moi perto de nós.
Nesta páxina de TURGALICIA podedes descargar moitos folletos de gran calidade sobre roteiros, monumentos, sendeiros, arte, gastronomía,... Todo o que vos fai falta saber para saír de casa informados sobre os distintos destinos en Galicia.
Tamén podemos facer viaxes virtuais polos distintos recunchos do mundo. Unha páxina moi interesante para percorrer os monumentos máis importantes de España, Latinoamérica e Marrocos é ARS VIRTUAL. Facendo clic en Mapa do Patrimonio ou no Patrimonio das distintas zonas accederemos a moitas visitas que nos farán aprender e coñecer moitas obras mestras da arte.
Aquí propoñémosvos ver un vídeo sobre a Catedral de Santiago de Compostela. Saberedes tamén que non foi sempre como agora a vemos, senón que baixo a cuberta barroca, hai unha fermosa catedral románica. Este vídeo procede dunha páxina moi completa, ARTEHISTORIA. Facendo clic nela ou neste enlace, teredes moitísima información e imaxes de gran calidade sobre o que é un dos monumentos máis importantes da península Ibérica e, por suposto, o máis visitado de Galicia.
Boas vacacións!!!

1.4.09

NOVO FOTOBLOG: 100% NATURAL













Esta semana presentámosvos outro fotoblog de gran calidade. Trátase de 100% NATURAL, do fotógrafo José B. Ruíz. Indo á seccion Galería, podedes ver unha selección de imaxes espectaculares feitas polo autor.
Nesta sección atoparedes moitas fotografías da natureza clasificadas por temas.
Non vos apetece, se tendes unha cámara a man, saír polo campo a tirar boas fotografías nas vindeiras vacacións?

20.3.09

FOTOBLOGS DE NATUREZA












Hoxe principiamos unha nova sección: os blogs de fotografías da natureza. Ao longo de varias semanas iremos coñecendo o excepcional traballo fotográfico de moitas persoas que teñen a xenerosidade de plasmalo en fermosas páxinas web para goce de todos/as nós.
E para comezar, un dos mellores: GONATURE.ES, do sevillano Diego López. Acompañados da música que aparece na páxina podédesvos relaxar contemplando as galerías fotográficas de aves, paisaxes, texturas e formas, mamíferos, etc.

........................ ZONA DE XOGOS ........................