Mostrando entradas con la etiqueta GALEGO. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta GALEGO. Mostrar todas las entradas

13.6.09

ENQUISAS SOBRE A LINGUA GALEGA


A Federación de ANPAS da provincia de Pontevedra na súa páxina web informa sobre a enquisa que as familias de Galicia están recibindo estes días relativa á presenza da nosa lingua no ensino non universitario. Na web amósase un tríptico sobre a lingua galega elaborado por moitos equipos de normalización lingüística de centros de ensino de Galicia así como a Circular 89/09 de CONFAPA Galicia (que aglutina a 600 ANPAS de centros públicos de Galicia) dirixida a todas as ANPAS e a todos os pais e nais.

16.5.09

NO DÍA DAS NOSAS LETRAS

Esta semana celebramos no Edificio Multiusos de Redondela os Festivais de Infantil e Primaria. Vimos as actuacións do alumnado preparadas polo profesorado e tamén unha mostra do bo facer das monitoras das actividades extraescolares.
Coñecimos tamén, a través das imaxes e textos elaborados polos maiores, un pouco da vida de Ramón Piñeiro, figura clave do galeguismo no século XX.
Precisamente na véspera da data que lembra dun xeito especial ao noso idioma milenario, achegamos aquí un enlace no que a Real Academia Galega, institución creada en 1906 baixo a presidencia de Manuel Murguía, home de Rosalía de Castro, analiza a actual conxuntura arredor da nosa lingua.
E tamén achegamos un vídeo do que a coñecida presentadora do programa da Galega "O país dos pequenos", Belén Regueira, comentou cando recibíu o premio Mestre Mateo á mellor comunicadora do ano.
Que as dúas testemuñas nos permitan reflexionar sobre a importancia de coñecer a nosa lingua e moitas máis.

22.1.09

CURSOS DE GALEGO



O DOG de hoxe, 22 de xaneiro, publica a Orde da Consellería de Educación e O. U. do 12 de xaneiro de 2009 pola que se convocan, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, cursos preparatorios ás probas para acadar os certificados de lingua galega, Celga, nos niveis 1, 2 e 3 para o ano 2009, que se realizarán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no ano 2009.


Os cursos impartiranse en dúas quendas: a primeira comezará en febreiro e a segunda en outubro de 2009, en horario de mañá ou de tarde, segundo a dispoñibilidade de aulas. Terán unha duración de 60 horas lectivas e serán de balde.
Os cursos van dirixidos a todas as persoas maiores de dezaseis anos.
Solicitudes e prazos.
As solicitudes, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, poderanse presentar na propia escola oficial de idiomas onde teña lugar o curso a partir do día seguinte ao da publicación desta orde e ata cinco días antes da data establecida por cada escola oficial de idiomas para o inicio do curso.

Para máis información poden consultar o DOG de hoxe ou dirixirse á secretaría do Colexio.

........................ ZONA DE XOGOS ........................