23.2.09

ENTROIDO 2009

O venres día 20 celebramos o Entroido no colexio. Fixémolo cun desfile ata o Cruceiro. Participou todo o alumnado e o profesorado do centro. O tema central foi o dos Xogos de Mesa. Así, Educación Infantil representou ao Parchis (cada clase ía de fichas dunha cor). O primeiro ciclo de Primaria foi de Cartas; o segundo de Dominó, e os máis maiores de Xadrez.
Na cabeza do desfile, trala megafonía, ía o Meco, baixo o lema “Pinchou co ladrillo”, representando ao período de crise que atravesa o mundo na actualidade.

Xa de volta no colexio, cada aula pinchou un globo con aquilo que desexaba que desaparecera da Terra: os malos tratos, a fame, as guerras,…
E finalmente condenouse o Meco (a crise) a ser queimado e desaparecer para sempre.
Ao facer clic na imaxe inferior, podes ver algunhas fotos da festa.
Fotos entroido 2009

19.2.09

CHEGA O ENTROIDO



Nestes días de Entroido podedes coñecer máis sobre esta celebración. Nesta páxina da Consellería de Educación tendes un especial sobre o Entroido, non só en Galicia, senon tamén en España e no mundo.

Se vedes a televisión e vos gustan os documentais, hai dúas propostas de interese:
O sábado na Galega emítese ás 21:15 horas o primeiro episodio de Galicia Salvaxe. Un programa para tomar conciencia do medio natural que temos máis próximo.
E o domingo pola mañá, ás 13:30 horas , La 1 de TVE emite un novo programa de Planeta Tierra, unha gran produción da BBC británica que conta con imaxes de gran calidade e moita espectacularidade.
Podedes ver un vídeo promocional da mesma premendo aquí.


E para os siareiros do deporte, gran fin de semana coa Copa do Rei de baloncesto, emitida íntegramente por La 2 e Teledeporte.

15.2.09

PREPARANDO O ENTROIDO

O venres día 20 celebraremos o Entroido no colexio. Farémolo, se todo sae como está previsto, cun desfile que comezará arredor das 12:30 horas e que irá do colexio ata as inmediacións do Cruceiro. Nel participará todo o alumnado.
Este ano recuperaremos a figura do Meco, que tamén participará no desfile.
Ata o venres seguiremos preparando os disfraces.

12.2.09

AULAS DA NATUREZA EN CANTABRIA


No DOG de hoxe publícase a a Orde do 19 de xaneiro de 2009 pola que se convocan axudas para participar no programa de integración Aulas da Natureza 2009. Vai dirixido ao alumnado de Galicia que teña entre 11 e 13 anos de idade no momento de asistencia á actividade (no vindeiro verán).
Terán lugar no centro de programas educativos de Viérnoles, en Torrelavega (Cantabria) e realizarase en quendas de 12 días.
Ata o día 13 de marzo está aberto o prazo para solicitalas.
Para máis información poden entrar no DOG ou dirixirse á Secretaría do Colexio.

10.2.09

80 ANIVERSARIO DA LIGA ESPAÑOLA DE FÚTBOL


Hoxe a Liga de Fútbol cumpre 80 anos. Un 10 de febreiro de 1929 arrincou un campionato que ao longo dos anos gañou o interese de milleiros de persoas. A continuación tendes vídeos sobre a liga, e varios enlaces no que se ofrece información sobre os primeiros campionatos.
Vídeo 1
Vídeo 2
Artigo 1
Artigo 2 con xornais da época

6.2.09

AUDIOVISUAL NAS AULAS NO CEIP DE CEDEIRA

O programa Audiovisual nas aulas leva funcionando en Galicia dende o curso 2003-2004. Con carácter de experiencia pioneira no conxunto do estado español, e promovido pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, o Consorcio Audiovisual de Galicia e a Secretaría Xeral de Comunicación, naceu o programa Audiovisual nas Aulas. Comezou coa finalidade de que os centros de ensino non universitario de Galicia puideran iniciarse e introducir no currículo escolar contidos relacionados co audiovisual, coa animación, coa televisión e novas tecnoloxías.
Os obxectivos do programa son:
• Dotar ao alumnado dunha alfabetización audiovisual básica.
• Fomentar o espírito crítico ante o audiovisual.
• Potenciar o coñecemento do audiovisual galego.
• Achegar ao alumnado aos creadores e artífices do audiovisual galego.
No presente curso foi concedido ao noso colexio. Aprenderemos de xeito práctico como se realiza unha animación a través dun obradoiro.

NACE A GALEGA-2


Esta semana comezou a emitir de xeito oficial a segunda canle da galega, a G-2. Ten dúas franxas de programación infantil, unha á hora de xantar e outra arredor das seis da tarde. Neste enlace podedes ver o vídeo promocional desta nova canle que só se pode ver a través do TDT.

5.2.09

PARTICIPANDO EN DEPORTE NA ESCOLA

Ata o momento levamos dúas xornadas de competición. Na primeira visitamos ao colexio Santiago Apóstol do concello de Soutomaior. Na segunda, celebrada onte, martes, viaxamos ata o veciño concello de Pazos de Borbén para coñecer novos amigos/as do Colexio Publico Integrado "Curros Enríquez".
Tendes aquí algunhas imaxes destes encontros.




























4.2.09

CELEBRAMOS O DÍA DA PAZ




O 30 de xaneiro celebramos o "Día escolar pola paz e a non violencia". Nas aulas preparamos unha serie de pombas para colocalas nas árbores do patio, mais debido ás condicións meteoro- lóxicas, colgamos case todas nos corredores. Fixemos murais e escribimos lemas.
O Obradoiro de Radio montou un programa de radio que podedes escoitar no reproductor que tendes na columna da dereita deste blog.
A última hora fixemos un acto colectivo no que limos poemas e mensaxes pola paz, rematando con dúas cantigas ("No dudaría", de Rosario Flores e "Que canten los niños" de José Luis Perales).
Tendes aquí varias fotos das actividades. No Festival das Letras poderedes ver en pantalla grande unha proxección con todas.

NOVA VERSIÓN DE GOOGLE EARTH NA QUE SE MOSTRAN OS OCÉANOS


Xa se pode descargar a nova versión de Google Earth que permite levar a cabo viaxes submariñas virtuais, así como investigar os mares mediante fotos e numerosos videos.
Si xa era un programa moi interesante,esta incorporación xunto á posibilidade de ver obras de arte cun detalle moito maior que na propia realidade (por exemplo, no Museo do Prado) e a visita virtual a varias cidades (mediante a capa Street View) fan que Google Earth sexa unha boa ferramenta de aprendizaxe para todos/as.

2.2.09

VÍDEOS DE XEOGRAFÍA GALEGA
















Hoxe presentámosvos unha páxina web na que podedes ver vídeos e documentais de interese. Trátase de CULTURAGALEGA.ORG/TV na que, entre outros, están unha serie de programas emitidos pola Galega e pertencentes á serie Xeografía de Galicia. Nun dos mesmos percórrense as Rías Baixas, concretamente as de Pontevedra e Vigo.

........................ ZONA DE XOGOS ........................