20.3.09

FOTOBLOGS DE NATUREZA












Hoxe principiamos unha nova sección: os blogs de fotografías da natureza. Ao longo de varias semanas iremos coñecendo o excepcional traballo fotográfico de moitas persoas que teñen a xenerosidade de plasmalo en fermosas páxinas web para goce de todos/as nós.
E para comezar, un dos mellores: GONATURE.ES, do sevillano Diego López. Acompañados da música que aparece na páxina podédesvos relaxar contemplando as galerías fotográficas de aves, paisaxes, texturas e formas, mamíferos, etc.

ACTIVIDADES PARA A SEMANA


Esta semana teremos moitas actividades. O martes, o alumnado de 3º ciclo participará nunha nova xornada do Deporte na escola. Será no Pavillón de Chapela.
Entre o mércores e o xoves os nenos/as de Infantil 4 e 5 anos, e os de 1º, 2º e 3º de Primaria visitarán o Xardín Arboretum Caixa Galicia, sito en Samil (Vigo). Se facedes clic no enlace anterior poderedes descargar un arquivo con fotografías de gran beleza.
O mércores o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º asistirá no Edificio Multiusos de Redondela a unha obra de teatro que pretende sensibilizar a todas e todos da importancia de utilizar correctamente os antibióticos.

11.3.09

CAMPAMENTOS DE VERÁN DA XUNTA DE GALICIA


O DOG do 9 de marzo publica a Orde da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar pola que se ofertan prazas de Campamentos de verán para rapaces/as de 9 a 17 anos. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 24 de marzo.
Para ter unha completa información facede clic neste enlace para poder descargar un amplo folleto con todos os detalles de campamentos, instalacións, datas, etc.
Toda a información dos campamentos está no DOG (incluidos os impresos de solicitude), no taboleiro de anuncios do colexio e na web www.xuventude.net
Goza dun verán diferente.
SOLICITA A TÚA PRAZA!!!

8.3.09

O DÍA DA MULLER TRABALLADORA

Hoxe, día 8 de marzo, celébrase o Día da Muller Traballadora . Xurdíu xa hai case cen anos para reivindicar algo tan elemental como o dereito a voto, a poder ocupar cargos públicos e o dereito ao traballo e á non discriminación polo mero feito de ser mulleres.
Para que poidades reflexionar un pouco cada un, temos este vídeo que mostra a vida nun fogar ao longo dun día.
É xusto o que alí acontece? Pensa, opina e actúa.

4.3.09

A FLOR MÁIS GRANDE DO MUNDO


Na páxina Flocos.tv tendes moitas películas e documentais de interese, que poden verse ou descargarse no ordenador. Hai un apartado específico para a animación.
Hoxe destacamos unha fermosa historia de José Saramago, A flor máis grande do mundo.
Trátase dunha curtametraxe de animación con moita mensaxe.
Sodes capaces de adiviñala?

23.2.09

ENTROIDO 2009

O venres día 20 celebramos o Entroido no colexio. Fixémolo cun desfile ata o Cruceiro. Participou todo o alumnado e o profesorado do centro. O tema central foi o dos Xogos de Mesa. Así, Educación Infantil representou ao Parchis (cada clase ía de fichas dunha cor). O primeiro ciclo de Primaria foi de Cartas; o segundo de Dominó, e os máis maiores de Xadrez.
Na cabeza do desfile, trala megafonía, ía o Meco, baixo o lema “Pinchou co ladrillo”, representando ao período de crise que atravesa o mundo na actualidade.

Xa de volta no colexio, cada aula pinchou un globo con aquilo que desexaba que desaparecera da Terra: os malos tratos, a fame, as guerras,…
E finalmente condenouse o Meco (a crise) a ser queimado e desaparecer para sempre.
Ao facer clic na imaxe inferior, podes ver algunhas fotos da festa.
Fotos entroido 2009

19.2.09

CHEGA O ENTROIDO



Nestes días de Entroido podedes coñecer máis sobre esta celebración. Nesta páxina da Consellería de Educación tendes un especial sobre o Entroido, non só en Galicia, senon tamén en España e no mundo.

Se vedes a televisión e vos gustan os documentais, hai dúas propostas de interese:
O sábado na Galega emítese ás 21:15 horas o primeiro episodio de Galicia Salvaxe. Un programa para tomar conciencia do medio natural que temos máis próximo.
E o domingo pola mañá, ás 13:30 horas , La 1 de TVE emite un novo programa de Planeta Tierra, unha gran produción da BBC británica que conta con imaxes de gran calidade e moita espectacularidade.
Podedes ver un vídeo promocional da mesma premendo aquí.


E para os siareiros do deporte, gran fin de semana coa Copa do Rei de baloncesto, emitida íntegramente por La 2 e Teledeporte.

........................ ZONA DE XOGOS ........................