29.1.09

GALINUX


Xa temos Linux en galego. O popular sistema operativo, de balde e en galego. Na páxina http://galinux.mancomun.org pódese descargar ou consultar os puntos de distribución gratuita. No listado aparece Redondela, no centro da Rede de Dinamización, con sede no Edificio Multiusos.

Non son precisos coñecementos técnicos especiais para poder beneficiarse das vantaxes básicas do Galinux, pois inclúe automaticamente os programas informáticos máis empregados: para navegar pola Internet, acceder ao correo electrónico, escoitar música, escribir documentos de texto, facer gráficas e cálculos, ver vídeos ou películas, compartir ficheiros, conversar por mensaxería instantánea e moito máis.

O DOMINGO COMEZA O X SALÓN DO LIBRO EN PONTEVEDRA


Do 1 de febreiro ao 15 de marzo de 2009

O amor é o tema que centra este ano o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, no que Portugal será o país convidado.

Exposicións, conferencias, actividades concertadas, concertos e literatura, moita literatura enriquecen o programa desta X edición que amplía a súa duración do 1 de febreiro ao 15 de marzo. A escritora Fina Casalderrey será a autora homenaxeada este ano.

A súa visita é moi recomendable. Pódese consultar o programa completo de actividades na páxina web www.salondolibro.org

28.1.09

ENTREGA DA BICICLETA

Onte pola tarde foi entregada a bicicleta que se sorteou o día 16 de xaneiro.
Na foto podedes ver ao afortunado que a gañou.. Trátase de Miguel, un alumno do colexio de quinto curso.
NORABOA!!!

26.1.09

NOVO PROGRAMA MUSICAL NA GALEGA

A Televisión de Galicia estreará na tarde do sábado 31 de xaneiro “BANDA CURTA”, un novo programa musical que terá como característica principal as actuacións de grupos en directo e ante público. O programa de unha hora de duración , comezará ás catro da tarde. “BANDA CURTA” nace con vocación de dar a coñecer o amplo panorama da música pop e rock en Galicia, os grupos emerxentes ou as bandas que usan da rede de locais de ensaio. Ademais de música en directo, en “BANDA CURTA” haberá reportaxes e entrevistas sobre todos os estilos musicais, as novidades do mercado ou a axenda de concertos.

A NOSA MÚSICA DE SAÍDA: LUAR NA LUBRE

Sabíades quen interpreta a música que escoitamos ás dúas da tarde, cando marchamos para casa? Un grupo galego chamado Luar na Lubre. Se queres ver un fermoso vídeo coa música de "O son do ar" fai clic nel. Tamén podes visitar a súa páxina web www.luarnalubre.com, ou a súa canle en Youtube

23.1.09

O CASTRO DE SANTA TEGRA

Navegando pola rede atopamos vídeos de moito interese. O que vos presentamos hoxe móstranos o Castro de Santa Tegra, no concello da Guarda. É unha recreación virtual coa que nos podemos facer unha idea de como era nos seus momentos de máis esplendor. Tamén podedes ver unha galería fotográfica do seu estado actual.

22.1.09

CURSOS DE GALEGO



O DOG de hoxe, 22 de xaneiro, publica a Orde da Consellería de Educación e O. U. do 12 de xaneiro de 2009 pola que se convocan, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, cursos preparatorios ás probas para acadar os certificados de lingua galega, Celga, nos niveis 1, 2 e 3 para o ano 2009, que se realizarán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no ano 2009.


Os cursos impartiranse en dúas quendas: a primeira comezará en febreiro e a segunda en outubro de 2009, en horario de mañá ou de tarde, segundo a dispoñibilidade de aulas. Terán unha duración de 60 horas lectivas e serán de balde.
Os cursos van dirixidos a todas as persoas maiores de dezaseis anos.
Solicitudes e prazos.
As solicitudes, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, poderanse presentar na propia escola oficial de idiomas onde teña lugar o curso a partir do día seguinte ao da publicación desta orde e ata cinco días antes da data establecida por cada escola oficial de idiomas para o inicio do curso.

Para máis información poden consultar o DOG de hoxe ou dirixirse á secretaría do Colexio.

........................ ZONA DE XOGOS ........................