31.1.13

NAVEGA CON RUMBO



O luns, día 28 de xaneiro, o alumnado do 3º ciclo de primaria  participou nunha charla sobre o uso correcto de internet e dos teléfonos móbiles. O alumnado opina que lles pareceu moi interesante porque descoñecían algún dos  perigos  que ten internet e o conferenciante resolveulles moitas dúbidas. Tamén reflexionaron sobre a necesidade de controlar os tempos de uso destes aparellos porque se se empregan mal producen máis prexuízos ca vantaxes.

Os rapaces e rapazas de 6º fannos un resume da charla en 10 claves importantes para unha navegación segura:
1. Non abras ningunha conta nas redes sociais sen o permiso dos teus pais.
2. Non deixes o Bluetooth aberto
3. Non poñas contrasinais moi curtos porque poden ser adiviñados facilmente. Cambia de cando en vez os teus contrasinais.
4. Debes ter dúas contas de e-mail, unha cos teus datos reais para usar cos amigos, familiares,…, e outra con datos ficticios.
5. Non lle digas o contrasinal a ninguén (irmáns, amigos…e menos a descoñecidos) agás aos teus pais.
6. Non deas datos persoais nin de ningún membro da familia.
7. Non fales con descoñecidos nas redes sociais, nin aceptes agasallos de ninguén que non coñezas.
8. Antes de descargar algún arquivo de música, película, imaxe, ou documentos debes pasarlle o antivirus. Non fagas clic nos anuncios porque tamén che entran virus automaticamente.
9. Non subas fotos dos teus amigos sen o seu permiso e non envíes fotos de xente espida, nin entres nesas páxinas.
10. Se tés algún problema (ameazas, citas…) avisa aos teus pais ou profesores.

Debes controlar os tempos de uso do móbil e do ordenador.

Enlaces de interese:


 

8.3.10

A PÁXINA WEB ESTÁ COMEZANDO A ACTUALIZARSE

Hai uns días comezamos a actualizar a nosa páxina web oficial. Ao longo dos vindeiros meses iremos aportando contidos á maior parte das súas seccións. Visítaa con asiduidade para enterarte das novidades.
O seu enderezo é http://centros.edu.xunta.es/ceipdecedeira/

17.2.10

ENTROIDO 2010

De novo estamos convosco para lembrar o entroido. O tema escollido foron as FESTAS. Así, os de Infantil representaban a Festa da Coca (coas penlas, a danza das espadas, as burras e os cabezudos). O primeiro ciclo de Primaria ía disfrazado de Peliqueiros, uns dos personaxes tradicionais do entroido galego. O segundo ciclo lembrou ao San Fermín. Finalmente o terceiro ciclo de Primaria ía co disfraz de viquingos (aludindo á Festa viquinga de Catoira).
Tamén tivemos un meco. Este ano foi a Gripe A.
O desfile pola parroquia fíxose bastante ben. En varios puntos houbo moitos espectadores/as, o que fixo moita ilusión aos nenos/as.
Ao remate do desfile, de volta no colexio, queimamos o meco, agardando que a Gripe A non volva máis (nin sequera cambiando de letra).
Se algunha familia quere aportar algunha foto do desfile para engadir ás que xa temos, podénola enviar por correo electrónico.
Grazas a toda a comunidade educativa por conseguir, entre todos, unha festa tan fermosa.

13.1.10

MAGOSTO 2009

De novo reiniciamos o contacto con todos/as. E facémolo cunha presentación sobre o Magosto.
Agardemos que vos guste.

19.6.09

XA TEMOS GAÑADOR


Hoxe pola mañá entregamos o ordenador portátil a Iago Martínez, posuidor do boleto co número 1237. Entregámoslle o premio na planta baixa do colexio en presenza do neno que lla vendeu, Pablo de 6º. Noraboa.

18.6.09

NÚMERO PREMIADO NO SORTEO DO PORTÁTIL


No sorteo celebrado na mañá de hoxe, o numero premiado foi o 1237. O interesado/a debe presentar o boleto antes das 9:00 horas do luns día 22 de xuño. Noraboa.

13.6.09

ENQUISAS SOBRE A LINGUA GALEGA


A Federación de ANPAS da provincia de Pontevedra na súa páxina web informa sobre a enquisa que as familias de Galicia están recibindo estes días relativa á presenza da nosa lingua no ensino non universitario. Na web amósase un tríptico sobre a lingua galega elaborado por moitos equipos de normalización lingüística de centros de ensino de Galicia así como a Circular 89/09 de CONFAPA Galicia (que aglutina a 600 ANPAS de centros públicos de Galicia) dirixida a todas as ANPAS e a todos os pais e nais.

12.6.09

SAÍDA FIN DE CURSO


O alumnado de Terceiro Ciclo participará na saída fin de curso que se celebrará na "Granja Escuela El Kiriko" entre o luns 15 e o mércores 17. Alí, ademais de pasalo moi ben, realizarán diversas actividades de coñecemento da natureza, o ciclo da auga, o ciclo da la, etc.

NOVO SORTEO DO PORTÁTIL

No caso de que non apareza o agrazado/a no sorteo celebrado o día 2 de xuño, antes das 14 horas do día 17, farase un novo sorteo o xoves, día 18 ás 9:05 horas da mañá, na planta baixa do colexio. O sorteo será público.

8.6.09

OBRADOIRO DE ANIMACIÓN


Os días 4 e 5 de xuño, dous monitores (Jorge e Juan) do Consorcio Audiovisual de Galicia viñeron ao colexio para realizar un Obradoiro de Animación co alumnado de 4º, 5º e 6º. É unha das actividades que se realiza dentro do programa Audiovisual nas aulas, no que entrou este curso o colexio.

Entre todos/as fixeron unha parte dunha curtametraxe que se completará en colaboración cos outros centros participantes na experiencia. Esta película pretende fomentar a doazón de órganos.

Debuxaron os decorados en papel, pasáronos a cartoliña, recortáronos e fixeron a animación tomando imaxes e movendo pouco a pouco os personaxes.

É moi fácil!

2.6.09

SORTEO DO PORTÁTIL

Na tarde de hoxe celebrouse na planta baixa do colexio o sorteo do ordenador portátil. O número que resultou agraciado é o 0391.

O posuidor/a do boleto ten quince días para reclamar o seu premio. Noraboa!

16.5.09

NO DÍA DAS NOSAS LETRAS

Esta semana celebramos no Edificio Multiusos de Redondela os Festivais de Infantil e Primaria. Vimos as actuacións do alumnado preparadas polo profesorado e tamén unha mostra do bo facer das monitoras das actividades extraescolares.
Coñecimos tamén, a través das imaxes e textos elaborados polos maiores, un pouco da vida de Ramón Piñeiro, figura clave do galeguismo no século XX.
Precisamente na véspera da data que lembra dun xeito especial ao noso idioma milenario, achegamos aquí un enlace no que a Real Academia Galega, institución creada en 1906 baixo a presidencia de Manuel Murguía, home de Rosalía de Castro, analiza a actual conxuntura arredor da nosa lingua.
E tamén achegamos un vídeo do que a coñecida presentadora do programa da Galega "O país dos pequenos", Belén Regueira, comentou cando recibíu o premio Mestre Mateo á mellor comunicadora do ano.
Que as dúas testemuñas nos permitan reflexionar sobre a importancia de coñecer a nosa lingua e moitas máis.

28.4.09

DÍA DO LIBRO




O pasado 23 de abril celebramos o día do Libro no colexio.
O día anterior visitaranos Chus Pereiro, que nos veu falar da súa obra ¡Mama- siña, que medo!
Esta obra vai ser represen- tada polos rapaces/as do obradoiro de teatro do colexio nos festivais das Letras Galegas dos días 15 e 16 de maio.

O día 23 fixemos dous actos adicados ao teatro. Neles os nenos e nenas fixeron pequenas representacións das cales vos ofrecemos varias imaxes.

20.4.09

A SEMANA DO LIBRO


Comezamos unha semana especial: a semana do libro. O xoves día 23 de abril realizaremos varios actos no colexio para lembrar esta data. Neste ano adicaremos os mesmos ao teatro. Primeiro o alumnado de Educación Infantil e máis tarde o alumnado de Primaria pasarán pola Biblioteca para realizar pequenas escenificacións, teatro lido, etc. Farase unha exposición de libros de teatro e tamén haberá actividades especiais organizadas polas mestras encargadas da Biblioteca.
O mércores 22 recibiremos no colexio á autora da obra teatral (Mamasiña, que medo!) que o alumnado do Obradoiro de Teatro vai representar no Festival das Letras Galegas: Chus Pereiro. Estará cos nenos e nenas de 4º, 5º e 6º.
Felices lecturas para todas e todos!

7.4.09

CAMPAMENTOS DA LANZADA 2009


A Deputación Provincial de Pontevedra convoca os Campamentos da Lanzada 2009 para nenos/as nados entre 1996 e 2001. As bases e follas de solicitude e inscrición aparecen na páxina da Deputación. Para máis información podédesvos dirixir ao Concello (servizos sociais) e ler atentamente as bases que aparecen na páxina web.

VIAXES REAIS E VIRTUAIS


Nestes días de lecer podemos aproveitar para facer viaxes reais ou virtuais. Dentro das primeiras temos infinidade de lugares que percorrer, ben lonxe ou moi perto de nós.
Nesta páxina de TURGALICIA podedes descargar moitos folletos de gran calidade sobre roteiros, monumentos, sendeiros, arte, gastronomía,... Todo o que vos fai falta saber para saír de casa informados sobre os distintos destinos en Galicia.
Tamén podemos facer viaxes virtuais polos distintos recunchos do mundo. Unha páxina moi interesante para percorrer os monumentos máis importantes de España, Latinoamérica e Marrocos é ARS VIRTUAL. Facendo clic en Mapa do Patrimonio ou no Patrimonio das distintas zonas accederemos a moitas visitas que nos farán aprender e coñecer moitas obras mestras da arte.
Aquí propoñémosvos ver un vídeo sobre a Catedral de Santiago de Compostela. Saberedes tamén que non foi sempre como agora a vemos, senón que baixo a cuberta barroca, hai unha fermosa catedral románica. Este vídeo procede dunha páxina moi completa, ARTEHISTORIA. Facendo clic nela ou neste enlace, teredes moitísima información e imaxes de gran calidade sobre o que é un dos monumentos máis importantes da península Ibérica e, por suposto, o máis visitado de Galicia.
Boas vacacións!!!

1.4.09

NOVO FOTOBLOG: 100% NATURAL













Esta semana presentámosvos outro fotoblog de gran calidade. Trátase de 100% NATURAL, do fotógrafo José B. Ruíz. Indo á seccion Galería, podedes ver unha selección de imaxes espectaculares feitas polo autor.
Nesta sección atoparedes moitas fotografías da natureza clasificadas por temas.
Non vos apetece, se tendes unha cámara a man, saír polo campo a tirar boas fotografías nas vindeiras vacacións?

20.3.09

FOTOBLOGS DE NATUREZA












Hoxe principiamos unha nova sección: os blogs de fotografías da natureza. Ao longo de varias semanas iremos coñecendo o excepcional traballo fotográfico de moitas persoas que teñen a xenerosidade de plasmalo en fermosas páxinas web para goce de todos/as nós.
E para comezar, un dos mellores: GONATURE.ES, do sevillano Diego López. Acompañados da música que aparece na páxina podédesvos relaxar contemplando as galerías fotográficas de aves, paisaxes, texturas e formas, mamíferos, etc.

ACTIVIDADES PARA A SEMANA


Esta semana teremos moitas actividades. O martes, o alumnado de 3º ciclo participará nunha nova xornada do Deporte na escola. Será no Pavillón de Chapela.
Entre o mércores e o xoves os nenos/as de Infantil 4 e 5 anos, e os de 1º, 2º e 3º de Primaria visitarán o Xardín Arboretum Caixa Galicia, sito en Samil (Vigo). Se facedes clic no enlace anterior poderedes descargar un arquivo con fotografías de gran beleza.
O mércores o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º asistirá no Edificio Multiusos de Redondela a unha obra de teatro que pretende sensibilizar a todas e todos da importancia de utilizar correctamente os antibióticos.

11.3.09

CAMPAMENTOS DE VERÁN DA XUNTA DE GALICIA


O DOG do 9 de marzo publica a Orde da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar pola que se ofertan prazas de Campamentos de verán para rapaces/as de 9 a 17 anos. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 24 de marzo.
Para ter unha completa información facede clic neste enlace para poder descargar un amplo folleto con todos os detalles de campamentos, instalacións, datas, etc.
Toda a información dos campamentos está no DOG (incluidos os impresos de solicitude), no taboleiro de anuncios do colexio e na web www.xuventude.net
Goza dun verán diferente.
SOLICITA A TÚA PRAZA!!!

........................ ZONA DE XOGOS ........................