Xa temos Linux en galego. O popular sistema operativo, de balde e en galego. Na páxina http://galinux.mancomun.org pódese descargar ou consultar os puntos de distribución gratuita. No listado aparece Redondela, no centro da Rede de Dinamización, con sede no Edificio Multiusos.
Non son precisos coñecementos técnicos especiais para poder beneficiarse das vantaxes básicas do Galinux, pois inclúe automaticamente os programas informáticos máis empregados: para navegar pola Internet, acceder ao correo electrónico, escoitar música, escribir documentos de texto, facer gráficas e cálculos, ver vídeos ou películas, compartir ficheiros, conversar por mensaxería instantánea e moito máis.
O amor é o tema que centra este ano o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, no que Portugal será o país convidado.
Exposicións, conferencias, actividades concertadas, concertos e literatura, moita literatura enriquecen o programa desta X edición que amplía a súa duración do 1 de febreiro ao 15 de marzo. A escritora Fina Casalderrey será a autora homenaxeada este ano.
A súa visita é moi recomendable. Pódese consultar o programa completo de actividades na páxina web www.salondolibro.org
A Televisión de Galicia estreará na tarde do sábado 31 de xaneiro “BANDA CURTA”, un novo programa musical que terá como característica principal as actuacións de grupos en directo e ante público. O programa de unha hora de duración , comezará ás catro da tarde. “BANDA CURTA” nace con vocación de dar a coñecer o amplo panorama da música pop e rock en Galicia, os grupos emerxentes ou as bandas que usan da rede de locais de ensaio. Ademais de música en directo, en “BANDA CURTA” haberá reportaxes e entrevistas sobre todos os estilos musicais, as novidades do mercado ou a axenda de concertos.
Sabíades quen interpreta a música que escoitamos ás dúas da tarde, cando marchamos para casa? Un grupo galego chamado Luar na Lubre. Se queres ver un fermoso vídeo coa música de "O son do ar" fai clic nel. Tamén podes visitar a súa páxina web www.luarnalubre.com, ou a súa canle en Youtube
O DOG de hoxe, 22 de xaneiro, publica a Orde da Consellería de Educación e O. U. do 12 de xaneiro de 2009 pola que se convocan, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, cursos preparatorios ás probas para acadar os certificados de lingua galega, Celga, nos niveis 1, 2 e 3 para o ano 2009, que se realizarán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no ano 2009.
Os cursos impartiranse en dúas quendas: a primeira comezará en febreiro e a segunda en outubro de 2009, en horario de mañá ou de tarde, segundo a dispoñibilidade de aulas. Terán unha duración de 60 horas lectivas e serán de balde.
Os cursos van dirixidos a todas as persoas maiores de dezaseis anos.
Solicitudes e prazos. As solicitudes, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, poderanse presentar na propia escola oficial de idiomas onde teña lugar o curso a partir do día seguinte ao da publicación desta orde e ata cinco días antes da data establecida por cada escola oficial de idiomas para o inicio do curso.
Para máis información poden consultar o DOG de hoxe ou dirixirse á secretaría do Colexio.
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca 2.650 prazas para realizar actividades de inmersión lingüística no verán de 2009.
Pode solicitar estas axudas o alumnado de centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma Galega que non gozase dunha bolsa de inmersión 2008. Para 6º de Educación Primaria hai 100 prazas. Os campamentos serán na comunidade autónoma de Galicia, cunha duración de dúas semanas. Cada familia terá que abonar 75€. A solicitude faise a través da páxina web http://www.edu.xunta.es/axudasle O prazo remata o día 9 de febreiro. Para máis información pódese visitar a páxina arriba mencionada ou ben preguntar na secretaría do colexio.
Xa sabemos o número ao que lle tocou a bicicleta. É o 935, posto que son as tres derradeiras cifras do número premiado no sorteo da ONCE do pasado venres, día 16 de xaneiro.
O posuidor ou posuidora do boleto premiado ten 15 días contados a partir desa data para presentalo no colexio e levar a súa bicicleta. Noraboa ao afortunado/a.
Benvidas e benvidos ao novo blog do CEIP de Cedeira. Nel incluiremos novas sobre as actividades do colexio. Tamén outros contidos que consideremos de interese para a comunidade educativa. Non esquezades consultar as páxinas web recomendadas.
Agardamos que sigades con interese as actualizacións do mesmo.
O vindeiro 30 de xaneiro celebraremos o Día escolar pola non violencia e a paz, no aniversario da morte de Gandhi. Coma sempre, no colexio faremos diversas actividades para lembrar a importancia que todas e todos temos para contribuir a facer un mundo máis xusto e solidario.
No entanto podémonos preparar visitando a web de Anxo Moure, CONTOS SOLIDARIOS, e lembrando a visita que realizou ao noso colexio de Cedeira no ano 2003 e que lle inspirou unha das súas historias.
Tamén podemos visitar estoutra páxina na que hai poemas, cantigas e contos pola paz.
O vindeiro venres día 23 principiamos a nosa participación no programa Deporte na Escola (actividade polideportivo cultural). Está organizado polas consellerías de Educación, Cultura e Deporte. Desprazarémonos ata o veciño concello de Soutomaior para pasar un bo rato e coñecer novos amigos/as no colexio Santiago Apóstol. Xogaremos a varios deportes (bádminton, baloncesto, balonmán, fútbol sala, voleibol) ademais de realizar unha proba cultural. Nesta actividade participará o alumnado de 6º de Primaria e varios nenos e nenas de 5º.
........................ ZONA DE XOGOS ........................
CEIP DE CEDEIRA (REDONDELA)
O noso colexio está situado a dous quilómetros de Redondela, pola estrada que vai cara Vigo. Na actualidade contamos con catro unidades de Educación Infantil e seis de Educación Primaria, nas que estudan 159 nenas e nenos. O Claustro está formado por 18 mestras/es. Enderezo: Estrada do Cruceiro, 75 Cedeira - Redondela 36812 Pontevedra Teléfono/Fax: 986401564 Correo electrónico: ceip.cedeira@edu.xunta.es
EN CEDEIRA SON AS...
WEB DA SEMANA
Unha páxina de navegación segura para os nenos/as é LAS TRES MELLIZAS. Nela atoparemos algunhas das súas películas, receitas para conservar o planeta, as actividades do bosque das palabras, e moitísimos xogos educativos.